O Club Deportivo Lugo, fundado en 1953, disputa os seus partidos como local no estadio Anxo Carro. Actualmente compite na Segunda División de España.
O Club Deportivo Lugo fundouse despois de que desaparecesen, consecutivamente, os dous equipos que ata entón ostentaran a representación do fútbol local, a Ximnástica Lucense, disolta en 1952 e que chegou a militar en Segunda División durante tres tempadas, e o Club Deportivo Polvorín, desaparecido en 1953 por motivos económicos. O novo equipo iniciouse en Terceira División, que era onde xogara o Club Deportivo Polvorín a campaña anterior, e mantívose na devandita categoría un total de 19 tempadas consecutivas ata 1972, cando se viu forzado a disputar a promoción de descenso contra o Club Deportivo Pegaso de Madrid, co que perdeu (0-0 e 3-0) e viuse abocado ao descenso a Preferente, onde só se mantivo unha tempada volvendo novamente a Terceira División na tempada 1973/74. Nesta nova etapa iniciouse a construción do Estadio Anxo Carro e en 1978, tras 4 tempadas en Terceira División, o equipo logrou un gran mérito ao ascender a Segunda División B, foi un paso efémero pois o equipo descendeu no primeiro ano e entre 1979 e 1987 volveu disputar outras 7 tempadas en Terceira División.
A tempada 1985/86 foi a da volta do equipo lucense a Segunda División B, categoría na que o equipo foi aos poucos consolidándose, ata que na tempada 1990/91 o club logrou un subcampeonato na mesma, accedendo así a disputar a promoción de ascenso a Segunda División. A seguinte campaña, a 1991/92 o equipo lograría novamente o subcampeonato de Segunda División B obtendo novamente dereito a disputar a fase de ascenso a Segunda División, onde os galegos lograrían así o ascenso por primeira vez na súa historia. Na tempada 92/93 produciríase o tan ansiado debut do equipo na categoría de prata do fútbol español. A primeira victoría faríase esperar e non tería lugar ata a xornada sexta, fronte ao agora desaparecido Club Atlético Marbella (1-0). Despois desta vitoria tan só houbo 6 máis polo que ao final da tempada e con tan só 25 puntos o equipo de Lugo volvería a Segunda División B.
Tras o descenso sufrido na tempada 92/93 o equipo asentaríase novamente en Segunda División B con algúns altibaixos pero sen grandes dificultades e durante os anos seguintes mantívose en zonas medio-altas da clasificación case sempre pero sen chegar a disputar play- off de ascenso. Pero comezan os anos 2000 e na tempada 2000/01 o equipo está a piques de descender a Terceira División, salvándose ao final polos pelos, a seguinte tempada mellorou o rendemento pero no ano 2003 non é posible evitar a catástrofe que supón o descenso a Terceira División ao acabar en décimo oitava posición. Chegaría a peor etapa do equipo ata a data na tempada 2003/04 pois no deportivo o equipo finaliza sexto sen poder acceder ao play- off de ascenso e no social o presidente presenta unha carta de dimisión o 3 de xuño de 2004 polo que tivo que ser relevado durante un tempo por unha xunta xestora provisional ata que o 18 de xuño dese mesmo ano a nova xunta directiva presidida por José Bouso tomou o control do club.
Co novo presidente na tempada 2004/05 o equipo finaliza en terceira posición, accedendo cara aos play- offs polo ascenso, pero non consegue o ascenso. A seguinte tempada finaliza subcampión, accede novamente ao play- off e esta vez consegue o ascenso a Segunda División B. O equipo adáptase rápido á nova categoría e todas as súas clasificacións son entre os dez primeiros pero sen chegar a poder disputar o play- off de ascenso a Segunda División, isto cambia na tempada 2010/11 na que o club termina líder do seu grupo e disputa así a Promoción de ascenso a Segunda División de 2011, pero non ascende. A campaña seguinte o equipo mantívose arriba loitando polo liderado e certificaría a clasificación para os play- offs de ascenso varias xornadas antes do fin da tempada. O último dos partidos da promoción, disputado o 24 de xuño de 2012 daríalle o ascenso á Segunda División tras un partido vibrante no Estadio Ramón de Carranza que terminou cunha quenda de penaltis na que os galegos tiveron mellor puntería. O Lugo gañara 3-1 no Anxo Carro ao Cádiz Club de Fútbol, pero na volta os andaluces igualaron a eliminatoria gañando 3-1 e na prórroga mantívose o empate na eliminatoria.
Desde a tempada 2012/13 ata a actual 2018/19 mantívose na categoría de prata do fútbol español.

Tempada 1992/93 
Ano do ascenso 
Tempada 2018/19 
Manu,capitán do Lugo, no ascenso de 2012 
Inicios do clube 
Tempada 2017/18
